Sunday 05 de May de 2024

A Xunta apoia ao sector turístico na adquisición de equipamentos poscovid e na súa dixitalización e promoción


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou que se trata de dúas liñas de 6M€ cada unha dirixidas a establecementos hostaleiros e hoteleiros como os albergues privados do Camiño de Santiago, incluídas nun paquete de medidas de 16M€ para reactivar o turismo galego

― Alfonso Rueda asinou hoxe un convenio coa Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) para dar a coñecer a rede de albergues privados nas rutas xacobeas e a calidade das súas instalacións e servizos contribuíndo á súa promoción

― Destacou que tódalas medidas postas en marcha para contar cun Camiño Seguro como os protocolos anticovid nos albergues axudaron á reactivación da peregrinación neste ano coa previsión de chegar esta fin de semana ás 160.000 Compostelas, superando xa as 140.000 previstas para finais deste 2021

― A Xunta traballa na ampliación da rede pública co obxectivo de contar ao longo deste Xacobeo 21-22 con 78 albergues, ademais de mellorar os xa existentes

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o apoio do Goberno galego ao sector turístico para a súa reactivación tanto coa aplicación das medidas de prevención necesarias ante a covid-19 como con apoio para a súa adaptación á nova realidade derivada da pandemia.

Así, lembrou que a Xunta vén de activar o pasado setembro un paquete de medidas por case 16 millóns de euros que, entre outras liñas de axudas, inclúen unha de 6 millóns de euros para a adquisición de equipamentos poscovid por parte dos establecementos hosteleiros e hoteleiros, incluídos os albergues privados, e outra doutros 6 millóns para estes mesmos negocios para fomentar a súa dixitalización e promoción. Neste ano, a Xunta leva investidos 120 millóns na recuperación do turismo galego, entre os 31,2 millóns en axudas coma estas e os 90 millóns destinados á hostalería das dúas convocatorias do Plan de Rescate.

Ese é precisamente o obxectivo do convenio asinado hoxe co presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber), Miguel Ángel Rodríguez Aira, para poñer en marcha unha campaña de promoción da rede de albergues privados nos Camiños de Santiago e dar a coñecer a calidade das súas instalacións e servizos, co obxectivo de contribuír a reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e cunha oferta turística de calidade.

O acordo, que conta cun investimento de 30.000 euros por parte da Xunta, inclúe tamén a promoción da nova plataforma de reservas Bookalbergue.com para presentala fóra da comunidade cando se poña en marcha, co fin de que se unan albergues de fóra da comunidade e favorecer o seu uso por parte dos peregrinos.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou outras medidas de apoio a este colectivo como a formación de máis de 600 albergueiros, as axudas para adquirir material de protección fronte á covid, e a divulgación de protocolos de prevención nas rutas xacobeas en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) axudaron a ofrecer a imaxe de Galicia como un destino seguro cun Camiño Seguro e con albergues seguros “que nos permitiu estar xa a recoller os froitos”.

Así o demostran os datos coa previsión de chegar esta fin de semana ás 160.000 Compostelas no que vai de ano, superando tres meses antes do previsto as 140.000 coas que a Xunta contaba con pechar este 2021. Por iso, Alfonso Rueda prevé que en 2022 coa reactivación da peregrinación internacional para conmemorar este Xacobeo dobre as cifras medren aínda máis e Galicia estará preparada para recibilos en albergues da rede pública e privada.

Para continuar a mellorar a seguridade destas instalacións Xunta está a levar a cabo probas piloto en 8 albergues privados, en colaboración tamén con Agalber, coa instalación de medidores de CO2 dos que ata finais de este mes se tomarán as medicións. O obxectivo de garantir unha correcta ventilación, polo que en base aos resultados obtidos, elaborarase un manual de boas prácticas para incorporar ás medidas xa vixentes.

Por outra parte, a Xunta traballa na ampliación da rede pública, que como sinalou o vicepresidente primeiro “complementa á privada, co obxectivo de contar ao longo deste Xacobeo 21-22 con 78 albergues públicos. Ademais, o Goberno galego está a reforzar o acondicionamento das instalacións xa existentes e ata finais de ano investirá 2,4 millóns de euros en actuacións en 28 albergues públicos, entre elas as reformas integrais do de Arca no Pino e o de Palas de Reis, xunto con outras reformas nas cubertas ou melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética noutros 26.